viernes, 2 de septiembre de 2011

Papuxa carrasqueira, comezo do paso e outras citas ornitolóxicas do verán

Con este tempo revolto, finaliza agosto por esta terras e aproveitamos para amosar a listaxe de citas ornitolóxicas de interese recollidas nestes meses do estío. Podedes observar polas especies observadas nestas últimas datas que o paso migratorio postnupcial comeza a sentirse.
Tamén observamos por primeira vez na comarca unha especie á que xa lle tiña ganas: a Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans. Grazas ó fino oído do compañeiro Amadeo Pombo logramos dar con esta papuxa da que existían citas na zona pero que se estaba resistindo.

-Ouriolo Oriolus oriolus: 2 ex. o 15 de xullo polo encoro do Navia entre Río de Porcos e outro o 17 de xullo polo alto da Vacariza (A Fonsagrada).

-Tartaraña cincenta Circus pygargus. Diversas observacións pola comarca: 1 macho adulto o 21 de xullo entre O Cádavo e Trabeiro (Baleira), outro o 13 de xullo entre A Espiña e Cabreira (Baleira), 1 femia adulta o 22 de xullo polo Coto da Nena, A Marronda (Baleira) e outra femia o 22 de xullo baixando pola Tumbiadoira (A Fonsagrada).

Tartaraña cincenta Circus pygargus polo Coto da Nena, A Marronda (Baleira).

Tartaraña cincenta Circus pygargus pola Tumbiadoira (A Fonsagrada).

-Gaivota chorona Chroicocephalus ridibundus. Primeira observación persoal desta especie o 2 de xullo de 2 ex. no encoro do Navia preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

Gaivota chorona Chroicocephalus ridibundus preto da ponte de Boadil (Negueira de Muñiz).

-Bilurico alinegro Tringa ochropus. 1 ex. o 13 de xullo na charca de Reboira (A Fonsagrada).

-Papuxa común Sylvia communis. 3 ex. o 19 de xullo nunha sebe preto de Reboira (A Fonsagrada).

-Paspallás Coturnix coturnix. Varios exemplares con polos o 28 de xullo nun pasteiro preto de Valdería (Baleira).

-Falcón pequeno Falco subbuteo. 1 ex. sobrevoa O Cádavo (Baleira) á tardiña o 13 de agosto.

-Falcón peregrino Falco peregrinus: 1 ex. o 16 de agosto preto de O Sollío (Baleira) e outro o 22 de agosto por Torviso (A Fonsagrada).

Falcón peregrino Falco peregrinus nunha foto de archivo por San Sadurniño (A Coruña).

-Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. 1 ex. o 22 de agosto preto da charca Reboira (A Fonsagrada).

-Chasco norteño Saxicola rubetra. 2 ex. inm. o 22 de agosto preto de Reboira (A Fonsagrada).

Chasco norteño Saxicola rubetra por Reboira (A Fonsagrada).

-Lagarteiro das torres Falco naumanni. 8 ex. cazando saltóns á tardiña o 27 de agosto nun pastizal por Lamas de Campos (A Fonsagrada). Máis observacións hoxe 1 de setembro en diversos pastizais polo val do Cádavo (Baleira).

-Ferreiriño rabilongo Aegithalos caudatus: 12 ex. o 28 de agosto polo encoro do Navia, preto de A Fornaza (A Fonsagrada) e 6 ex. o 27 de agosto por O Sollío (Baleira) acompañados de 2 ex. de Picafollas musical Phylloscopus trochilus, os primeiros que observamos no paso, 2 ex. de Ferreiriño cristado Parus cristatus e 2 ex. de Ferreiriño negro Parus ater.

-Papamoscas negro Ficedula hypoleuca. 1 ex. oído o 28 de agosto preto de Paradavella (A Fonsagrada).

-Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans. 3-4 ex. o 28 de agosto polo Navia, entre a Ferrería de Cuiña e Fornaza (A Fonsagrada), tamén na mesma zona 6 ex. de Ferreiriño azul Parus caeruleus, 2 ex. de Gabeador Certhia brachydactyla e 2 ex. de Papuxa das amoras Sylvia atricapilla. Tamén na mesma zona o 30 de agosto 6 ex. de Estreliña riscada Regulus ignicapilla.

Papuxa carrasqueira Sylvia cantillans polo val do Navia, preto de Fornaza (A Fonsagrada)

-Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax. 28 ex. desde o miradoiro de Arexo, A Fornaza (A Fonsagrada).

Choia Pyrrhocorax pyrrhocorax por Arexo, A Fornaza (A Fonsagrada).